jueves, 26 de junio de 2014

O corazón de Xúpiter, de L. Costas



O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas é o último libro que abordamos no club de lectura dos maiores e tamén o que suscitou un debate máis vivo sobre os temas nel tratados. Para os rapaces foi moi fácil identificarse cos personaxes, ao fin e ao cabo forman parte do mesmo microcosmos que eles: o da adolescencia.

Discutiron sobre as razóns de Isla, a protagonista, para confiar nunha persoa como Xúpiter ao que coñece só dun chat. As nenas pensaban que fora un pouco parva, pois “todo o mundo sabe que non te podes fiar de ninguén en Internet”; eles tamén chatean con descoñecidos, pero sen identificarse nin dar pistas de quen son (ou iso din). Tamén discutiron das razóns de Carballo para acosar á protagonista. “Si, deses tamén hai moitos nos institutos”, as rapazas recoñecían ter recibido improperios machistas dalgún rapaz !!!!. Admiraron os personaxes de Anxo e Mar, sobre todo esta última, valente para defender a súa homosexualidade, e tamén para dicir sempre o que pensa.
Poren, recoñeceron que no seu entorno había moitas máis Islas (elas mesmas se consideraban así) que Mar(es) (destas, máis ben pouquiñas), e que “A adolescencia é moi difícil”, concluíron.

martes, 10 de junio de 2014

O encanto da pedra cha, de Pere Tobaruela e Daniel Xove

Difícil elección a desta obra en banda deseñada para os benxamíns de As Estantigas, en primeiro lugar porque a idea xurde dun poema de Rosalía – e xa sabemos o que ocorre coa poesía, que ninguén a entende porque nos falta cultura lectora e nos sobran pantallas coas que alelarnos- e  segundo, porque a rapazada tamén ten problemas coa linguaxe visual.
            Non podía ser menos no noso Centro: o álbum ilustrado, pese a presentar unha historia chea de misterio e fantasía, resulta un tanto espesa e impenetrable, o que conduce aos cativos á desorientación. Porén, tras unha lectura detallada, acabaron identificando a mensaxe que contiña no seu interior: o mundo real está cheo de perigos e incitacións para os adolescentes. Non foi ata entón que ese encanto do título se lles amosou claro e diáfano, forzándoos a buscar unha solución asequible a todos: evitar as posibilidades de risco na medida do posible e compartir os medos cos demais.
            En canto ao aspecto formal tamén fixo falta unha introducción minuciosa para poder descubrir no texto e nas imaxes todos os detalles que a eles se lles escapan, empezando polas lendas de mouros e tesouros agochados nos versos rosalianos, e rematando pola importancia que no cómic teñen a forma das viñetas e bocadillos, os iconos, a xestualidade, a secuenciación, os encuadres e a cor.  E resultou curioso que fose esta última á que eles deron maior importancia, pois nesta obra a cor é un elemento fundamental da narración, cáseque unha personaxe máis.
            Así naceu a idea de elaborar unha teoría completa sobre o uso das distintas tonalidades por parte do ilustrador do álbum e o seu significado ao longo da historia. Eis o noso traballo: