jueves, 16 de marzo de 2017

NEMO ou de que facer se non queres dicir o teu nome

   Non todo o mundo sabe que o nome do famoso capitán do Nautilus de Verne foi escollido polo seu autor dun xeito consciente, asumindo o que na súa época era sabido por toda a xente letrada, e que hoxe en día, lonxe de ser coñecido, nin sequera é oído, visto ou lido en ningunha rede social, e polo tanto descoñecido, obsoleto, finiquitado. Como moito, algúns frikis recordan aquilo de que o protagonista de Matrix tamén se chama Nemo, un nome inventado, claro, futurista, algo terá que ver coa ciencia, ou mellor, coa tecnoloxía, esa nova divinidade idolatrada…

   Pois ben, velaí que David Morosinotto publica unha novela destinada á rapazada que leva ese título, Nemo, o rapaz sen nome, e que presenta a un protagonista arrichado, digno avatar adolescente daquel héroe verniano. A idea de ocultar o seu verdadeiro nome para fuxir dun pasado que o persegue, caracteriza ao personaxe e mergulla aos lectores nun clima de misterio e heroicidade. Dese xeito, a obra faise de fácil lectura, axudada por uns secundarios moi interesantes, sobre todo esa rapaza rebelde que desexa transgredir as ríxidas normas que lles foron impostas ás mulleres no século XIX.
   Unha lectura recomendable para os nosos preadolescentes. E por se algún estuvese lendo esta reseña (a esperanza é o último que se perde), vou estenderme de máis explicando de onde tomou Verne a idea literaria para o nome do seu protagonista (Outij en grego, Nemo en latín, que significa Nadie):
    No canto IX da Odisea de Homero, despois de que o cíclope Polifemo devorase a catro compañeiros de Ulises mentres permanecen encerrados na cova, o heroe grego planifica a súa venganza. 
   Ofrécelle viño ao cíclope e este, entusiasmado, pregúntalle a Ulises ou Odiseo polo seu nome: 
 “ Dame máis viño de bon grado e dime agora o teu nome para que che ofreza o don da hospitalidade (…)”
 E Odiseo respóndelle: 
 “ Pregúntasme, Cíclope polo meu ínclito nome. Direicho ao momento(…), o meu nome é Ninguén, e Ninguén chámanme miña nai e meu pai, e todos os meus compañeiros.” 
   Máis tarde, Odiseo cegará o único ollo de Polifemo, quen, preso de grandes dores, chama a berros aos seus irmáns cíclopes que viven nas covas cercanas, dicindo:
 “ Que gran sufrimento padeces, Polifemo, para gritar desa maneira (…)? É que algún dos mortais está levando os teus rabaños… ou estate a matar con engano ou coas súas forzas? 
 E contestoulles o poderoso Polifemo:
 “Amigos, Ninguén estame matando con engano, e non coas súas forzas.“
 E eles contestaron e dixéronlle aladas palabras: “ Pois se Ninguén te ataca e estás só…é imposible escapar da enfermidade do gran Zeus. Suplica ao teu pai Poseidón, o soberano.”
 Así dixeron e marcharon.

No hay comentarios:

Publicar un comentario